A Concellería de Cultura de Burela presenta estes días na vila a que será a súa primeira exposición para este novo ano 2015. A mostra leva o título de Universo Viary e corre a cargo da artista Silvia Viary, unha moza burelesa especializada na creación de obxectos de bixutería artesanal.
A exposición inaugurouse o pasado venres, 2 de xaneiro, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Burela, e permanecerá aberta ata o 16 de xaneiro en horario de 09.00 a 13.00 horas polas mañás e de 17.00 a 20.00 horas polas tardes. A concelleira de Cultura de Burela, Mónica Pedre, animou aos veciños "a achegarse a visitar esta interesante exposición".