A asociación cultural A Pomba do Arco organiza a presentación do libro Historia de Odoyno, de Antonio Rodíguez Baixeras. O acto terá lugar este venres, 30 de outubro, ás 20:30 horas na Librería Bahía, en Foz.
O autor do libro, Antonio Rodríguez Baixeras, xa ten editado varios libros anteriormente como a novela O rei dos Ameneiros ou unha interesante biografía sobre Alexander Hamilton, un dos país da independencia norteamericana. A súa profesión como docente levouno á escribir, como coautor, varios libros de texto de ciencias sociais.
Este libro que se presente é froito de moito tempo traballando sobre o tema da vida, da obra e do legado de Odoino.
O protagonista deste libro é un monxe galego do século X, que pouco antes da súa morte redacta un documento, a modo de testamento, onde narra as súas experiencias vitais, recolle datos históricos do momento vivido e doa ao mosteiro de Celanova a súa propiedade máis querida, a igrexa de Santa Comba de Bande.
Rodríguez Baixeras recolle ese testamento que se conserva no Tombo de Celanova e transcríbeo. O documento escrito pouco antes do 982 por Odoino servirá de base documental para que o profesor Baixeras responda a unha serie de preguntas que o citado texto suscita.
Así, e grazas a labor investigadora do profesor, coñeceremos a Odoino, a súa familia, camiñaremos por aquel século X, que os historiadores bautizaron co nome do século de ferro, a carón da gran figura eclesiástica do século, San Rosendo, bispo de San Martiño e Santiago de Compostela. Cabalgaremos ao lado da alta nobreza galega os Menendiz e os Osoriz que controlaron o destino do nacente reino cristián. Mais tamén saberemos das relacións e vinculacións que mantiñan con Galicia os reis Sancho, Ordoño e Ramiro.
Ao longo do libro o profesor Rodríguez Baixeras explica dunha maneira moi comprensible certos conceptos e termos que aparecen no texto, como pode ser a evolución das vilas altomedievais, as distintas cidades que había en Galicia no século X ou a relación dos mosteiros que coñecera Odoino, entre outros temas.
Todo isto fai deste texto un libro agradable á lectura trala cal o lector terá unha visión moito máis completa e documentada daquela Galicia do século X.
Por todo isto a asociación cultural A Pomba do Arco quere convidar a todos os veciños tanto de Foz como da Mariña á acudir este venres, ás 20.30 á librería Bahía de Foz para coñecer e falar con Antonio Rodríguez Baixeras, autor do libro A Historia de Odoyno, o que gustosamente asinará exemplares da súa obra.