O próximo domingo, 2 de agosto, a Comisión de Festas da Patroa organiza nas inmediacións da praza de abastos de Ribadeo unha sesión vermouth co DJ Sergio para recadar fondos para estes festexos. No recinto instalarase unha barra que será atendida polos membros da propia comisión. A cita dará comezo ás 12 do mediodía.
O presidente da Comisión de Festas da Patroa, César Fernández Murias, explica que “imos facer unha sesión vermouth na praza de abastos que consistirá nun pequeno baile co DJ Sergio. Esperamos que haxa a máxima afluencia de xente posible. Haberá unha barra, poñerémola e atenderémola nós e os cartos que recademos son integramente para as festas. Sempre está ben unha tomar unha cervexiña e así axudarnos un pouco”.
Esta é a primeira das actividades públicas organizadas para recadar fondos para as festas, pero non será a única: “temos as festas patronais á porta e intentaremos facer algunha actividade máis para o público, aínda que xa estamos coas rifas, coas camisetas e co libro e xa temos case todo andado porque nos queda pouco tempo. O programa está case pechado, a falta dun mes está xa moi adiantado”, asegurou Fernández.
A Comisión de Festas da Patroa conserva practicamente a mesma composición que o ano pasado, marcharon dous membros e entraron dous rapaces novos. César Fernández agarda unha boa acollida do programa e destaca a colaboración dos veciños: “axudáronnos moito e portáronse de marabilla, todo foron eloxios no 2014, esperamos que este ano sexa así tamén”, asegura. Aínda que os organizadores teñen estas semanas “moito traballo”, o seu presidente asegura que se leva mellor, “xa que tras un ano de novatos temos máis confianza”.
En vindeiras datas presentarase a comisión organizadora e o cartel e un pouco máis adiante o programa das festas patronais de Ribadeo que serán do 28 de agosto ao 8 de setembro.