Tres cociñeiras de restaurantes galegos con estrelas Michelín e un sumiller participarán nas xornadas técnicas da 25ª edición da Festa do Ourizo, de San Ciprián, que se celebrará este sábado, día 12.
A concelleira de Turismo en Cervo, Manuela Méndez, explicou hoxe que “a inauguración das décimo sextas xornadas técnicas sobre o ourizo será ás 12 da mañá. Dende a súa orixe estas xornadas serven para divulgar diferentes eidos relativos ao ourizo de mar no seu aspecto biolóxico, científico, comercial ou gastronómico, como imos facer este ano e xa se fixo en edicións anteriores, coa celebración dun show cooking, que é cociña en vivo. Este ano contamos coa presenza de tres cociñeiras de prestixio e de renome, galardoadas cada unha delas cunha estrela Michelín. Son Inés Abril, do restaurante Maruja Limón, de Vigo; Chita del Río, do Seiruga, de Malpica; e Beatriz Sotelo, do restaurante A Estación, en Cambre. E, como novidade, este ano contamos cun dinamizador e moderador do evento, que é o sumiller, catador de viño, Nacho Costoya, que nos deleitará cos seus coñecementos acerca da maridaxe entre as distintas elaboracións e diferentes viños, todos eles de denominacións de orixe galegas. Con isto pretendemos destacar as moitas posibilidades culinarias ou gastronómicas que posúe o ourizo de mar, sempre con intento de axudar a valorizar este importante recurso mariño, como se foi conseguindo pouco a pouco ao longo de todos estes anos, pois xa viñeron noutras ocasións xornalistas gastronómicos, profesores en Bioloxía, catedráticos, etcétera”.
Manuela Méndez engadiu que “a continuación da cociña en vivo terá lugar o concurso gastronómico do ourizo, aberto a tódolos establecementos hostaleiros que participan na vixésimo quinta edición da Festa do Ourizo e que se encargan de elaborar exquisitos pratos que serán avaliados polo xurado; neste caso estará formado polas propias cociñeiras con estrela Michelín que participan no show cooking. Todo isto rematará coa elección dos pratos gañadores e o reparto dos premios aos establecementos distinguidos”.
A edil destacou tamén que “durante todo o día haberá degustación nos locais participantes e na carpa instalada na Praza dos Campos tamén se servirá ourizo cocido. Todo isto estará amenizado por distintos grupos, como o grupo de gaiteiros de San Ciprián A Rebolaxe; a charanga Aturuxo, de Ribadeo; Os Kilomberos de Monte Alto; Perkusiona, de Foz; e Airiños do Xunco. A festa seguirá durante todo o día e, como colofón, teremos ás dez da noite o concerto de Leilía, grupo que está formado por seis mulleres”.
Manuela Méndez rematou desexando que “sexa do agrado de todos esta edición da Festa do Ourizo, de San Ciprián. Dende o Concello de Cervo estamos moi agradecidos a todas as persoas que participan, especialmente aos hostaleiros que fan posible que esta festa siga adiante. E invito a todo o mundo a que se achegue aquí, tanto visitantes como veciños, e que pasen un moi bo día”.