Teatro nas parroquias, concertos e charlas médicas son algunhas das propostas culturais do Concello de Foz para o mes de novembro.

Teatro nas parroquias, concertos e charlas médicas son algunhas das propostas culturais do Concello de Foz para o mes de novembro.
 
A Concellería de Cultura focense ven de presentar a programación para este mes de novembro, que inclúe varias representacións de teatro nas parroquias, concertos e charlas médicas, entre outras actividades.
 
A concelleira Silvia Blach detallou que “o venres 4 no Cenima ás 21:00 horas imos ter un concerto de metais a cargo do Conservatorio de As Pontes, polo grupo que ven de intercambio coa Escola de Música de Foz para que ese día teñamos un concerto marabilloso ao que invitamos a todo o mundo a que asista dentro dese ciclo do mes da música que temos todos os meses de novembro no concello de Foz”.
 
Silvia Blach continúa sinalando que “o sábado, día 5, no centro social A Saira, de Nois, teremos a partir das 20:00 horas teatro nas parroquias. Esta vez o grupo Axóuxeres vai interpretar a súa obra As farturas do Servando. Organiza o Concello de Foz e a asociación de veciños de Nois”.
 
Ese ciclo seguirá “o domingo 6 no centro social de Cordido ás 18:00 horas, teatro nas parroquias, o grupo O Centiño interpreta a súa obra O caldeiro máxico. Organiza o Concello de Foz e a asociación de veciños de Cordido”.
 
Blach engade que “o xoves 10 no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Foz a partir das 20:00 horas dentro do ciclo de charlas médicas o doutor Eduardo Maseda falaranos sobre os síntomas frecuentes en otorrinolaringoloxía”.
 
A edil de Cultura salienta ademais que “o venres 11 na Casa da Cultura de Foz e organizado pola Biblioteca Pública a partir das 18:00 horas teremos Divertimaxia con A illa dos nenos para rapaces de entre 5 e 12 anos. No Cenima ás 21:00 horas haberá un recital lírico de Felipe Sánchez Fernández e África Rodríguez Arias, tamén dentro dese mes da música. Tamén ese venres 11 na antiga báscula de Marzán a partir das 21:00 horas o grupo A Adala interpreta a súa obra Oía doutor. Organiza o Concello de Foz e a asociación de veciños de Marzán. Ese día ademais no local da asociación cultural O Castro, en Vilaronte, ás 21:00 horas, o grupo de teatro Pico do Castro interpreta a súa obra De vello gaiteiro. Organiza o Concello de Foz e a asociación cultural O Castro, de Vilaronte”.
 
A concelleira de Cultura informou tamén de que “o sábado 12 na sala Bahía a partir das 20:30 horas haberá teatro infantil: a compañía Microminia interpreta a súa obra Cinco historias para unha man, un espectáculo de monicreques cheo de poesía e sen palabras. O prezo vai ser o habitual: para os nenos 1,5 euros e para os adultos 2,5 euros”.
 
Silvia Blach engade que “o xoves 17 no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Foz a partir das 20:00 horas, charlas médicas, a pediatra Mercedes Rodicio falaranos sobre Obesidade infantil e alimentación do neno san. O venres 18 no Cenima a partir das 21:00 horas, concerto do Coro Xuvenil da Escola de Música do Concello de Foz. Ás 21:30 horas no local da asociación de veciños de Santa Cilla teremos teatro nas parroquias, o grupo A Adala coa obra Unha morta moi viva; organiza o Concello de Foz e a asociación cívico cultural de Santa Cilla”.
 
A responsable de Cultura continúa dicindo que “o sábado 19 na sala Bahía a partir das 20:30 horas haberá o concerto tradicional da Banda de Música de Foz con motivo da festividade de Santa Cilla, patroa dos músicos, dentro do mes da música. O xoves 24 no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Foz teremos charla médica: o doutor José Manuel Lema falaranos sobre artrose. O venres 25 na Casa da Cultura ás 20:30 horas, maxia e música das mans de Álvaro Muras con obras de Manuel María; organiza a Biblioteca Pública do Concello de Foz”.
 
Finalmente Silvia Blach comenta que “o sábado 26 teremos o espectáculo Musicanta, concerto-obradoiro con Pablo Díaz, que organiza a asociación folclórico cultural A Subela e colabora o Concello de Foz. Vaise cobrar entrada, 5 euros para os non socios e 4 euros para os socios. Haberá venda de entradas anticipada no local social dos ensaios os venres de 18:30 horas a 20:00 horas, en Papiro Copistería e en Isabel López Peluquería. O sábado 26 na antiga escola de Fazouro a partir das 19:30 horas, dentro do ciclo de teatro afeccionado nas parroquias, estará o grupo Pico do Castro coa obra De vello gaiteiro; organiza o Concello de Foz e o grupo de teatro A Adala, de Fazouro”.