Os días 2 e 3 de outubro celébrase a Festa do Ramo no Alto do Cruceiro, en Xuances.

Os días 2 e 3 de outubro celébrase a Festa do Ramo no Alto do Cruceiro, en Xuances.
 
Esta festa está organizada pola asociación de festexos Alto do Cruceiro. Os organizadores din: “antes de pasar a outras cousas, dicir que esta Festa a recuperamos nós despois de 16 anos sen celebrarse. O lugar onde se vai celebrar vai ser o Alto do Cruceiro, concretamente no Centro Social, nun espazo cultural inaugurado o paso ano e que está dedicado a un dos promotores desta festa, Onofre Louzao, falecido hai un par de anos. Este espazo está  ao lado da carretera Viveiro-Ribadeo, a uns 150 metros, polo que o acceso á mesma é moi fácil e sinxelo. Inda que desexamos con todas as nosas forzas ter uns bos días climatolóxicos, pode pasar que non sexa así, e prevendo isto, dicir que a Festa vaise celebrar baixo unha carpa, polo que, de todas todas, imos estar a cuberto de inclemencias climatolóxicas. E para unha maior comodidade dos nosos visitantes, dispoñemos de amplos aparcamentos no entorno do campo da festa”.
 
Dentro do programa da festa destaca a celebración da IX Festa dos Callos, o venres, 2 de outubro. “Trátase, loxicamente, dunha festa gastronómica, dun produto tan noso como son os callos, e a proposta que lles facemos aos asistentes consiste no seguinte: os participantes, pola módica cantidade de 5 euros, van poder degustar dunha abundante ración de callos, pan e  un viño.   En total temos preparadas máis de  1.000 racións, que esperamos que se esgoten. Para conseguir estas racións, no mesmo lugar da festa imos ter un posto onde os visitantes van poder adquirir tíckets por valor de 5 euros, os cales despois cambiarán polas conseguintes racións de callos. Co estómago ben cheo, remataremos a Festa cun bó programa de baile a partires das once da noite, baile que estará amenizado pola orquestra CHARLESTON BIG BAND e unha DISCOTECA MÓVIL”, sinalan desde a organización.
 
O sábado, 3 de outubro, o programa será o seguinte: 
   -13:00 horas: Misa Solemne e Procesión.
   -14:00 horas: Sesión Vermú a cargo da ORQUESTRA DELIRIO.
   -18:00 hora: Partido de solteiros contra casados, nun campo anexo ao da festa.
   -22:30 horas (10:30 da noite): Verbena coa ORQUESTA DELIRIO e o GRUPO FÉNIX.
Por último, a Comisión quere darlle as grazas “a tódalas persoas, institucións, empresas, etc. que desinteresadamente colaboran coas nosas Festas:  Concello de Xove, comercios da zona e un agradecemento especial para tódolos nosos veciños”.