Os alumnos da Escola de Música ‘O Pallarego’ ofrecerán un concerto solidario de Nadal o vindeiro venres 18 de decembro, baixo o título ‘Un Mundo no Nadal’. Será ás 20:30 horas no auditorio municipal Pascual Veiga.
O concelleiro de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García Fernández, explica que se trata dun concerto dinámico, no que se compaxinará a música coa proxección de imaxes referentes ao país de orixe das pezas musicais. Interpretaranse panxoliñas de diferentes lugares do mundo que convivirán con música non navideña e participarán as diferentes agrupacións musicais da Escola, como son a banda, o grupo de percusión, o grupo de música e movemento, o coro e a orquestra.
Alberto García indica que o concerto terá carácter solidario e será gratuíto. A ANPA da Escola de Música pon en marcha unha recollida de material escolar e de xoguetes novos ou usados pero en bo estado, que se levará a cabo durante o concerto. O recadado distribuirase entre as familias máis desfavorecidas de Mondoñedo.
O edil quixo salientar a importancia da celebración deste tipo de actividades durante unhas datas tan sinaladas para que “ningún neno e nena do noso Concello quede sen ningún xoguete neste Nadal”, ao tempo que anima a todos os que podan que participen con “esta exemplar iniciativa promovida pola asociación de nais e pais”.