O XI "Ribadeo de tapeo" celébrase do 21 ao 29 de maio en cincoenta bares, mesóns e restaurantes. Cantos de taberna e a tapa do mercado son algunhas das novidades.

O XI "Ribadeo de tapeo" celébrase do 21 ao 29 de maio en cincoenta bares, mesóns e restaurantes. Cantos de taberna e a tapa do mercado son algunhas das novidades.
 
Mañá, sábado, arrinca unha nova edición do Ribadeo de Tapeo que este ano presenta como novidades a Tapa do Mercado ou os Cantos de Taberna. En total son 50 bares, mesóns e restaurantes os que ofrecerán as súas creacións ao longo dos nove vindeiros días. 
 
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, subliña que “xa con esta son once as edicións nas que podemos gozar deste gastrofestival ribadense onde se mesturan a gastronomía, o lecer e a amizade. Onde arredor dunha barra fúndense conversas, fúndense cantos, xúntase a xente, xente que é de aquí e tamén de acolá, que fan desta cita un espazo de convivencia, de diversión no soamente d@s ribadenses, senón tamén de cant@s se achegan da Mariña, do occidente asturiano, de toda esa xente que se achega a Ribadeo para gozar e degustar as propostas do Ribadeo de Tapeo”.
 
A edil nacionalista detallou que “este ano son cincuenta tamén os establecementos participantes que, como xa os anos anteriores, se distribúen en catro zonas que configuran o mapa gastronómico deste concurso e que poderemos ir percorrendo para degustar cada unha das tapas. Ademais non soamente degustar, senón tamén poderemos participar nos diferentes premios que como cada ano os establecementos colaboradores entregan a esa xente, que a través do que é a carta, dese pasaporte que se vai selando en cada un dos establecementos nos que imos degustando o tapeo nos da pase a poder participar nos diferentes premios que se van dar”.
 
Martínez engade que “tamén haberá o que se chama o tapeo dezaseis no que si ademais de participar zona a zona podemos participar en todas as zonas e ir selando ao menos catro establecementos en cada unha delas e tamén iso ten premio”.
 
A concelleira de Turismo salientou que “o Ribadeo de Tapeo non soamente ten premio para os que estamos aquí senón tamén queremos convidar a toda a xente que se queira achegar a Ribadeo máis dun día e gozar dos Soños Gastronómicos, que dan unha serie de premios, descontos e agasallos en diferentes hoteis que son os que participan, para que a xente se achegue tamén a gozar máis dun día deste Ribadeo de Tapeo. Terán un 15% de desconto nas pernoitas, haberá un pack de información turística, agasallo de benvida, sorteo dunha noite de hotel en Ribadeo, e participar tamén na posibilidade desta ruta de tapeo express que é na que se fai o sorteo desa noite de hotel para cantos nos visitan”.
 
Ana Martínez comentou que “ademais este ano non soamente están os establecementos participantes de hostalería senón a maiores tamén se integra a Praza de Abastos coa tapa do mercado. Durante os sábados 21 e 28 nos vai deleitar cunha empanada dos diferentes establecementos que forman parte deste Mercado de Abastos de Ribadeo e o que queremos é convidar á xente e a que se achegue a degustar esa tapa que será de balde ofrecida polos praceir@s da nosa vila”.
 
A edil ribadense subliñou que “a novidade deste ano son os cantos de taberna por primeira vez integrado no tapeo, se cadra para outro ano pode ser un evento máis aberto sen estar tan vinculado exclusivamente ás tapas. Por primeira vez aquí en Ribadeo queremos recuperar ese cantar, esa xuntanza entre amigas e amigos que a carón dunha barra ou dun viño moitas veces saían e atopabámolos cantando en diversos lugares, eu aínda recordo de nena en lugares que agora xa non están como poden ser A Cosechera ou o Venecia a moita xente, que ben todos seguro que lembramos cantando e conversando, e que tal vez agora non se leve tanto. Estes cantos de taberna se celebrarán o venres día 27 a partir das 20:00 horas nuns trinta e tres lugares de tapeo que estarán xa marcados”.
 
Finalmente Ana Martínez manifestou que “para todo isto tamén contamos como xa hai uns anos cunhas apps, a propia do Concello que seguimos manténdoa e que ademais este ano engadímonos unha na que podemos gozar non soamente os ribadenses dela senón que estamos integrados en Qué damos de tapas, unha novidade que penso que tamén naceu ao carón do Ribadeo de Tapeo e que engloba concursos de xornadas gastronómicas que se organizan tanto en Ribadeo como noutros lugares. Convido a todo o mundo a que poida ir recompilando esta información tanto na páxina de Ribadeo de Tapeo que poden atopala a través de tapeo.ribadeo.gal, tamén na app e a través do propio Facebook”.
 
Ana Martínez concluíu explicando que “arredor do tapeo sempre hai actividades lúdicas, culturais que se suman e que este ano tamén podemos gozar a partir do mesmo sábado día 21 no que haberá un festival a favor da loita contra o cancro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal; o domingo 22 de maio, un concerto de Uxía cantando a Manuel María no Auditorio Municipal tamén a partir das 20:00 horas; o venres 27 de maio, os primeiros cantos de taberna; e o 28 de maio, o concerto de Alex Ubago ás 20:30 horas no Auditorio Municipal”.