Este sábado 26 ás oito e media da tarde o quinteto de metais Ribadeo Brass ofrecerá un concerto en beneficio da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña. Será na Capela da Terceira Orden.
O director da formación musical, Rubén Solloso, anunciou que “o quinteto de metais Ribadeo Brass, que somos cinco integrantes da Banda Municipal de Ribadeo, decidimos facer un concerto para estas datas de Semana Santa con música de carácter sacro. Vai ter lugar na Capela da Terceira Orden, preto da Praza de Abastos, e vai ser un concerto solidario co que imos colaborar coa Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña. A entrada vai ter un custe de tres euros, que se vai doar integramente a esta asociación, que traballa nesta zona e ten oficina en Ribadeo e en Burela. Parécenos unha boa causa e imos intentar que vaia o maior número de xente posible para gozar deste concerto e ao mesmo tempo colaborar con esta asociación que leva a cabo esta importante labor nesta zona”.
Rubén Solloso engadiu que “o concerto constará de dúas partes, non demasiado extensas, con música de compositores clásicos como poden ser Bach, Mozart ou Haendel”.