O grupo Leilía actuará este sábado, día 12, en San Ciprián con motivo da celebración da 25ª edición da Festa do Ourizo, que organiza o Concello de Cervo. Terá lugar na carpa situada na Praza dos Campos ás dez da noite.
A concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, anunciou hoxe que este concerto “organízase porque se cumpre a vixésimo quinta edición da Festa do Ourizo, que é en un evento de interese turístico galego, moi importante para o concello de Cervo e que gusta a moita xente. É unha maneira de celebrar que leve tantos anos e esperamos que siga durante moitos máis”.
O grupo Leilía ofrecerá o seu espectáculo titulado CONsentimento, que “é unha homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral de Galicia; mulleres que, dende case o anonimato, sementaron a nosa terra de arte, cultura e beleza”, segundo explican. Tamén comentan que “coa inestimable colaboración do músico e arranxista compostelán Xoán Porto, propoñen neste quinto traballo unha concepción musical acorde a unha nova realidade. Un disco no que apenas tres instrumentos (guitarra, acordeón e contrabaixo) abrigan á perfección a beleza do canto tradicional e os versos de varias das mellores poetas galegas da actualidade: Ana Romaní, Yolanda Castaño, Eva Moreda, Mariña Pérez, Eva Veiga, Ana Amado e Marilar Aleixandre. O deseño do espectáculo corre por conta doutro dos grandes profesionais da escena galega: Quico Cadaval”.
Leilía é un grupo de mulleres decididas a dar a coñecer a música tradicional de Galicia, ao son de pandeiretas e voces, convencidas de que o canto galego, pola súa singularidade e forza, merece un espazo propio nos escenarios. Hoxe Leilía é un referente tanto para os que queren achegarse á música tradicional galega como para os que buscan unha música que, baseada na raíz, adobía a tradición con sons e instrumentos contemporáneos. Este espectáculo ten unha duración aproximada de una hora e cuarto e é apto para todos os públicos. Levan 25 anos enriba dos escenarios e teñen cinco discos publicados.