O salón de plenos acolleu a presentación do cartel e do programa do Entroido de Burela para este 2015. Alí se deron cita o alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Cultura, Mónica Pedre, e representantes das asociacións que colaboran na organización do festexo.
As actividades arrincarán o domingo, 15 de febreiro, coa celebración do día do neno. Na carpa de Acia instalada na praza da Mariña haberá inchables, globoflexia e diferentes actividades para os máis pequenos ao logo de toda a tarde. Tamén desde as 16 horas na praza de abastos haberá diversos obradoiros de: carautas e antefaces, maquillaxe e atrezzo con material de refugallo. Os nenos e as nenas poderán gozar dun photocall, de baile infantil e de chocolatada con minicroissants.
O 16 de febreiro, luns, na carpa da Acia os máis pequenos poderán disfrutar dun toro mecánico e doutros xogos así como do baile de disfraces, con diferentes premios. E ás 23.30 horas dará comezo o baile de disfraces, que estará amenizado pola orquestra Charleston Big Band. Ésta é unha das novidades do Entroido de Burela deste ano.
O desfile será o martes, 17 de febreiro, a partir das cinco da tarde. Estará acompañado pola charanga de Burela O mellor da cada casa e percorrerá as principais rúas da vila desde O Ril ata a praza da Mariña. As inscricións poderán efectuarse de 15:30 a 16:30 horas no local de Ledicia. Haberá premios para as mellores carrozas, e aos mellores disfraces de grupos, parellas e individuais. Esa xornada servirase unha chocolotada con bollería na praza da Mariña e ás 20 horas actuación da orquestra Garibaldi na carpa de Acia Burela.
En total destínanse aos premios do Entroido en Burela 2000 euros en metálico e 400 euros en sete vales de compra xentileza da Acia local.
A concelleira de Cultura e o resto de membros da organización animan á xente “a disfrazarse e a saír á rúa a gozar dunha das mostras máis vivas da tradición popular galega, que son as festas do Entroido. Somos moitos os que traballamos en conxunto para que Burela disfrute desta cita”.