A sala de exposicións do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos acollerá desde o vindeiro martes, día 29, ata o 20 de decembro unha mostra sobre o caricaturista José María Cao Luaces, nacido en Cervo no ano 1862. O acto, que se celebrará ás 18 horas, contará cunha conferencia do debuxante e pintor Siro. Está organizado pola Xunta de Galicia e o Concello de Cervo.
A exposición, que leva por título José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina, xa estivo en Santiago, Pontevedra, Ourense, Vigo, Lugo, Melide e A Coruña. “Ten como principais obxectivos poñer en valor e dar a coñecer entre a cidadanía a obra e a figura deste destacado debuxante galego”, segundo explican os organizadores, que tamén destacan que “a mostra recupera a obra dun artista que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX. José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas de Arxentina, merece non soamente unha lembranza sentida senón tamén unha presenza actualizada en Galicia. Con este fin a exposición reúne unha escolma de 40 caricaturas que poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador. Son obras que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo”.
Esta iniciativa está promovida pola Consellería de Cultura, da Xunta de Galicia, en colaboración co Club de Prensa de Ferrol.