O Concello de Xove, a través do Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, vén de deseñar unha campaña para fomentar o emprego do galego no comercio e na industria do municipio. Entre as actividades propostas para alentar a compra local está un concurso no que os gañadores recibirán un vale de desconto nas empresas do municipio.
A campaña está subvencionada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e en colaboración coa Aciam.
Basta con realizar unha autofoto, popularmente coñecida como selfie, na que se mostra o eslogan da campaña, #EuMercoEnXove,EuMercoEnGalego, e envíala á dirección de correo electrónico concursoxove@gmail.com antes do 8 de novembro. As imaxes serán publicadas no Facebook do Concello e sometidas a votación popular. As tres imaxes que reciban máis “Me Gusta” gañarán, cada unha, un vale de desconto para mercar nas empresas do municipio.
O 9 de novembro serán publicadas as fotografías que participarán no sorteo, así coma as outras accións da campaña que inclúen a edición de cartaces publicitarios e dun vídeo promocional da campaña #EuMercoenXove,EuMercoenGalego.