O Cenima de Foz acolle esta fin de semana novas actividades culturais, das que deu conta a concelleira de Cultura, Silvia Blach.
“Este venres 23 temos ás 20 horas a reprodución do vídeo Auga, terra e lume, de Otero Regal, dentro da mostra A Maruxaina e outras sereas, que está sendo exposta no Cenima estes días, durante todo o mes de outubro. O domingo 25 ás 18 horas ábrese a taquilla e ás 18:30 horas xa comeza a proxección da película infantil O pequeno mago. A entrada son tres euros nada máis e penso que é unha historia moi interesante na que se fala de normandos e bispos na cidade de Tui no século X. Penso que sería interesante para todos vela”, asegura a edil de Cultura focense.