O Goberno local do Concello de Mondoñedo dá comezo este sábado 30 de xaneiro ao ciclo de teatrodedicado á figura da actriz Manuela Rei. Os últimos sábados de cada mes de 2016 haberá unha función artística, cuxa entrada será gratuíta,ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
A obra deste sábado 30 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio Pascual veiga, correrá a cargo da Compañía de Teatro "Os Axouxeres" de Vilaronte, que representarán a peza baixo o título de "As farturas do Servando" de Tito Casado.
“Con esta serie de actividades culturais o Concello pretende por en valor a figura desta mindoniense ilustre que apostou polo teatro, e promocionar así unha persoaxe mindoniense menos coñecida”, explicou o concelleiro de Educación, Alberto García.
MANUELA REI, PERFIL
Nacida en Mondoñedo en 1842, a actriz tivo unha carreira rápida e brillante, ata converterse nunha das principais figuras da interpretación en Portugal. Morreu de tifo cando o éxito máis lle sorría, con só 23 anos. Cando era unha nena pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda na que traballaba súa nai, viúva e con dez fillos. Manuela conquista aos comediantes que lle propoñen levala en adopción. Con só seis anos subiu aos escenarios recitando versos e facendo pequenos papeis.
Aínda que hai outras versións da súa traxectoria, parece que Manuela chegou a Lisboa en 1856 formando parte dunha compañía de teatro ambulante. Pouco a pouco gaña prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacadas de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título Galería artística, da autoría de Machado, Andrade e Ferreira. Ademais de actriz, escribiu algunhas obras, así como cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos.