O vindeiro domingo, 25 de setembro, terá lugar a XIV Feira da Horta, que organizan o Concello e a asociación A Sucadoira. Deste xeito remata a tempada estival dos Mercados dos Domingos, que se celebran de xuño a setembro para potenciar o consumo dos produtos de proximidade e locais. Este domingo haberá venda destes produtos da terra e unha degustación gastronómica. A xornada estará amenizada pola música das gaitas.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, dixo que “ao remate de setembro, como cada ano en Ribadeo, poñemos fin á tempada dos Mercados dos Domingos. Facémolo coa Feira do Horta organizada pola asociación de produtores e produtoras de horta A Sucadoira e polo Concello”.
A edil ribadense lembrou que “cada domingo durante o verán as produtoras e produtores locais presentan para a venda o mellor da nosa horta, que ademais conxugado coa produción artesá de coitelos, navallas, embutidos, conservas, queixos e mesmo a degustación e a compra de ostras alí, no Mercado dos Domingos, eu penso que conforman un dos mellores mercados de produtos de proximidade de toda a contorna. Isto reforza evidentemente a economía local, porque cando se aposta polo noso, polo próximo, estamos facéndonos máis fortes como territorio e tamén como sociedade”.
Martíñez dixo que “coñecer e saborear os nosos produtos fainos coñecedores do territorio. Saber que temos un pemento como por exemplo o de Piñeira, non só polo nome senón porque é un dos mellores de Galicia en calidade pola súa carnosidade e o seu sabor e as propias condicións organolépticas deste pemento. O mesmo poderíamos dicir da cebola de Vilaselán. Igual que se coñece o pemento de Padrón ou o de Herbón nós aquí tamén temos unha marca propia. E eu creo que debemos empezar a pedir e a preguntar polo pemento de Piñeira, o noso”.
Sobre a cita do vindeiro domingo a concelleira de Desenvolvemento Local contou que “nesta xornada do domingo durante a Feira da Horta de Ribadeo teremos a oportunidade de degustar todos estes produtos nun pincheo que se vai ofrecer por parte dos produtores e produtoras xunto co Concello diante da explanada da praza de abastos, onde normalmente se celebra o Mercado dos Domingos. E poderemos degustar empanadas con produtos de horta, verduras ao forno, etcétera, todo elo acompañado por música de gaitas”.
Ana Martínez cre que “como broche final é algo magnífico, non soamente o poder mercar senón tamén saborear estes produtos que durante todo o verán estiveron á venda, ofrecéndonos o mellor da horta de Ribadeo a todos os que alí acudimos durante todos estes domingos a mercar estes produtos. Polo tanto convido a todas e a todos a vir este domingo a pasar a mañá a Ribadeo e a gozar na Feira da Horta na súa décimo cuarta edición”.
E desde a asociación de produtoras e produtores A Sucadoira a súa presidenta, Ana Díaz, tamén animou a participar nesta cita: “que todos os que poidan se acheguen a Ribadeo o domingo pola mañá, os mellores produtos da nosa terra van estar alí á venda e tamén se poderán degustar despois preparados de diferentes maneiras. Temos uns produtos excelentes como pementos, cebolas, tomates… con esta Feira da Horta rematan os Mercados dos Domingos ata o ano que ven. É unha boa ocasión para vir a Ribadeo, a mercar e a saborear os produtos da nosa horta”.