O Concello organiza a primeira edición da Gala do Deporte de Lourenzá, na que serán premiados clubs e deportistas do municipio este venres día 25.
O evento terá lugar no salón de actos da Casa do Concello a partir das 20:00 horas. A alcaldesa, Rocío López, será a encargada de abrir o acto cun discurso de benvida e agradecemento. O acto estará conducido por dous presentadores xoves: Marcos Candia e Claudia Pena. No transcurso da gala iranse proxectando vídeos sobre os deportistas e clubs deportivos galardoados e terá lugar a entrega de premios da man da alcaldesa e do concelleiro de Deportes, Francisco Dasilva.
O edil de Deportes explica que se trata “dun recoñecemento que fai o Concello de Lourenzá aos mellores deportistas da tempada 2015-2016. Queremos premiar con esta gala aos nosos deportistas polos bos resultados obtidos e polos méritos acadados nas distintas competicións ás que asistiron. Trátase, sen dúbida, dun recoñecemento ao esforzo, á dedicación, ó traballo e á superación que os caracteriza e que lles conduce a obter resultados extraordinarios non só a nivel provincial senón tamén nacional. Grazas a eles o nome de Lourenzá está sempre presente no máis alto dos podios, eles fan que o noso concello sexa coñecido en moitos lugares de España e soe sempre como un referente a nivel deportivo”.
E a rexedora municipal manifestou que “falar de Lourenzá é sen dúbida falar de deporte. Un dos activos máis importantes e destacables que posúe este concello son os nosos deportistas. O nome de Lourenzá está cada fin de semana presente nos xornais nos primeiros postos dos podios provinciais e autonómicos grazas ao traballo dos nosos deportistas. Como alcaldesa deste concello que presido quero felicitar e dar as grazas a todos eles polos bos resultados obtidos ao longo desta tempada. É por iso que dende o Concello decidimos por en marcha esta iniciativa e organizar esta primeira edición da Gala do Deporte en Lourenzá, que se repetirá ano tras ano como recoñecemento aos méritos deportivos. Así mesmo, comprometémonos a apoiar e fomentar a práctica do deporte entre a veciñanza laurentina, xa que é un dos piares da xuventude de hoxe en día”.