A Casa do Mar, de San Ciprián, acollerá o vindeiro sábado, 12 de novembro, a V Larpeirada de Ourizo de Outono, un concurso gastronómico de postres elaborados con castañas organizado polo Concello de Cervo.
Dito concurso está aberto á participación e colaboración do público en xeral: infantil, xuvenil e adulto. Os pratos deberán estar elaborados con castañas e terán como característica principal pertencer á categoría de postres, sobremesa ou larpeiradas. Cada participante poderá presentar un máximo de dous pratos. O xurado terá en conta a dificultade da elaboración, a presentación, o tempo de preparación ou a orixinalidade, entre outros aspectos. Haberá tres premios, que recibirán figuras conmemorativas.
A V Larpeirada de Ourizo de Outono dará comezo ás 16:30 horas coa entrega dos postres. Ás cinco será a degustación dos pratos por parte do xurado. E ás seis da tarde terá lugar a entrega de premios dos concursos de debuxo e gastronómico.
A xornada do sábado seguirá con máis actividades ao longo da tarde e da noite. Ás seis e media haberá un espectáculo de humor e malabares a cargo de Isla de Triska. Para as sete da tarde está prevista a celebración do Magosto Popular, que organiza a asociación Clan coa colaboración do Concello de Cervo. Non faltarán as castañas asadas e tamén se degustarán chourizos e touciño feitos á brasa a partir das 20:30 horas. A cita estará amenizada con música tradicional. A festa rematará ás 22:30 horas co concerto do grupo “Mi rollo es el rock”.
Haberá tamén o sorteo dunha desta de cocido e máis sorpresas. Desde o Concello cervense animan a asistir a esta cita festiva coa que se renderá homenaxe ao produto estrela da tempada, a castaña.