A sala Queralt do centro de interpretación da Basílica de San Martiño acolleu esta tarde a presentación da tarta denominada a Zapata do Milagre de San Gonzalo, unha creación de pastelería Anduriña, que se porá á venda mañá tanto neste establecemento como no propio museo.
Na súa intervención o alcalde de Foz, Javier Castiñeira, dixo que “se trata dunha idea interesante para promocionar o noso pobo por toda España a través da gastronomía e deste doce”. O rexedor destacou “o carácter emprendedor dos propietarios de pastelería Anduriña, Moncho e Mari, e a súa disposición a colaborar coas asociacións e colectivos do noso pobo” e amosoulles “o máximo apoio desde o Concello de Foz”. Castiñeira fixo alusión ás máis de 25.000 visitas anuais que recibe a Basílica de San Martiño, dixo que se trata dun conxunto histórico impresionante e subliñou que “isto está a funcionar moi ben”.
O presidente de ACIA/CCA de Foz, José Carlos Paleo, “felicitou a Moncho e Mari por esta iniciativa, por esta nova liña de negocio, que o que vai facer é poñer en valor o que temos: a gastronomía e a riqueza patrimonial e cultural de Foz”. E engadiu que “o dinamismo dun negocio amósase con novas ideas, novas propostas, como esta que hoxe nos presentan”. Paleo sinalou que “agora estamos facendo nesta Basílica de San Martiño diversos actos para tentar darlle un impulso a este museo”.
Ramón Castro e Mari Trigo, propietarios e pasteleiros de Anduriña, explicaron que “detrás desta creación hai moito traballo, moito cariño e moitas ilusións. Agardamos que esta tarta, a Zapata de San Gonzalo, viaxe por toda a xeografía española e si pode ser máis lonxe tamén”. O doce está elaborado con “hojaldre artesán, que é un dos nosos selos de identidade, con abelás, noces, pasas, piñóns, améndoas e cabelo. É unha tarta de froitos secos, que se conserva perfectamente durante 21 ou 22 días”.
O prezo de venda ao público será de 10 euros. Desde mañá, 12 de xullo, poderase atopar tanto en pastelería Anduriña como na Basílica de San Martiño. A tarta ademais acompáñase dunha tarxeta cun texto no que se explica a lenda da Fonte da Zapata, que brotou segundo a tradición por milagre de San Gonzalo, o Bispo Santo.
Medio cento de persoas arrouparon a Ramón Castro e Mari Trigo nesta presentación e puideron degustar a Zapata do Milagre de San Gonzalo.