A filóloga Xulia Marqués Valea divulga a toponimia da Pontenova no número 7 da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega, promovida polo Seminario de Onomástica da institución en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica. O libro pode descargarse de balde en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
Xulia Marqués Valea é doutora especialista en toponimia con ampla experiencia en estudos etimolóxicos, e recollida de campo e didáctica da onomástica. O volume que lle dedica á Pontenova -publicado co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación- é a súa segunda achega á colección Terra Nomeada, á que xa contribuíra coa centrada noutro municipio da comarca da Mariña Oriental, Trabada, o seu concello natal, que limita ao norte coa Pontenova.
Ademais de recoller todas as entidades de poboación da Pontenova tal como figurarán na vindeira edición do Nomenclátor de Galicia, a investigadora engadiu dúas entradas correspondentes a accidentes xeográficos importantes deste territorio, o río Eo e a serra do Pousadoiro, e unha terceira, Miranda, por ser o antigo topónimo que lle deu nome ao Concello (de Miranda), á xurisdición Miranda ou ás Terras de Miranda e mesmo ao río Eo, coñecido tamén como río de Miranda.