Xove acolle do 16 ao 18 de xuño as II Xornadas Etnográficas da Mariña. Están organizadas por Tecedeira.

A música, o baile e o traxe tradicional volverán encher as rúas da Mariña durante as II Xornadas Etnográficas da Mariña que organiza a asociación Tecedeira en colaboración co Concello de Xove e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do 16 ao 18 de xuño.

O cartel definitivo trae unha gran variedade de actividades e agrupacións, ademais da tradicional foliada. 

Como cada ano, as Xornadas Etnográficas da Mariña (Música, Baile e Traxe Tradicional) van itinerando polos diferentes municipios da comarca. A primeira edición tivo lugar en Ribadeo o pasado ano 2022. Este ano será Xove o concello que acollerá o evento en homenaxe á agrupación Saíñas polo seu 40º aniversario. 

Este 2023 as Xornadas Etnográficas da Mariña celebraranse de novo en xuño e terán tres días de duración e, como novidade, incluirán concertos con dous grupos punteiros do panorama da música tradicional galega. 

Entre as actividades deste ano haberá un coloquio sobre a conexión da tradición oral entre Galicia e Asturias, a presentación do primeiro libro-disco de composicións para gaita compostas por mulleres, un obradoiro de baile, foliada, concertos, pasarrúas, unha exposición do traxe tradicional e unha mostra etnográfica que pechará as xornadas. 

Para os integrantes da A.C. Tecedeira é importante amosar o traballo de todas as asociacións e agrupacións da Mariña para valorar e coidar o noso patrimonio cultural inmaterial, motivo principal polo que se comezaron a celebrar estas xornadas. Durante as tres xornadas, nas que haberá música, obradoiros e distintas actividades culturais darase valor á nosa tradición oral. Todas as actividades son gratuítas e abertas ao público. 

O programa 
Venres, 16 de xuño 20:30h. Pregón e apertura das Xornadas a cargo da A.C. Saíñas polo seu 40 aniversario 21:00h. Concerto de Cantometrics (Músicas sobre o arquivo de Alan Lomax) No Lugar das Marías (A Rigueira, Xove). 

Sábado, 17 de xuño 11:30h. Coloquio: "A conexión nas músicas de tradición oral entre Galicia e Asturias" Participan: Adrián Méndez, musicólogo, promotor da Foliada da Fonsagrada e integrante do grupo De Ninghures; Carla Miranda, musicóloga e integrante do grupo Algaire; Miguel R. Monteavaro, poeta, investigador e integrante do grupo Caldo e os Rabizos; Abel Pérez, músico e responsable da produtora cultural Mialma Producióis. No salón de actos do Centro Cívico de Xove. 
12:30h. Apertura e visita guiada da exposición "Traxandaina: O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo" Nas galerías do Centro Cívico. 13:30h. Pasarrúas a cargo da A.C. Saíñas acompañado de Xigantes e Cabezudos 
16:30h. Presentación do libro-disco "As que dormen entre o centeo" coas autoras Marina Vigo e Lucía Eiros (Asociación de Gaiteiras Galegas) No salón de actos do Centro Cívico. 
17:30h - 19:30h. Obradoiro de baile con Rebeca Tallón: "O baile solto na Terra Chá" Na praza do Concello. 
21:00h. Concerto de FIANDOLA No salón de actos do Centro Cívico. 
22:30h. Foliada cos grupos: - Cantareiros Cántigas e Frores (Lugo) - Cantareiras Amigos da Gaita (Ribadeo) - Cordenaia (Cervo) - A.C. Arume (Burela) - A.C. Amado Lar (O Valadouro) - A.C. Saíñas (Xove) - Fol do Raxal (Cervo) Ao remate FOLIADA ABERTA No salón de actos do Centro Cívico. 

Domingo, 18 de xuño 
12:30h. Apertura da exposición "Traxandaina: O traxe aldeán de garda nas terras de Lugo" Nas galerías do Centro Cívico. 
18:30h. Mostra Etnográfica e clausura das xornadas coas actuacións de: - Cántigas e Frores (Lugo) - A.C. Saíñas (Xove) No Pavillón Municipal de Xove 

-- Que son as XEAM? As Xornadas Etnográficas da Mariña (Música, Baile e Traxe Tradicional Galego) nacen da man da asociación Tecedeira como un punto de encontro para poñer en valor a cultura tradicional a través de coloquios, monográficos, exposicións, obradoiros, concertos e mostras etnográficas do tecido cultural asociativo que traballa na comarca de A Mariña e no resto do país co noso patrimonio inmaterial e as nosas músicas de tradición oral. Estas xornadas itinerantes teñen como espírito aglutinar a convivencia de todas as agrupacións e asociacións da Mariña e pretenden realizarse cada ano nun punto diferente da comarca. 

As II Xornadas Etnográficas da Mariña, celebradas este ano 2023 en Xove, do 16 ao 18 de xuño, inclúen obradoiros, presentacións e coloquios, mostras etnográficas, exposición sobre o traxe tradicional, pasarrúas, concertos e foliada. Todas as actividades son gratuítas e abertas ao público. 

Tecedeira 
Tecedeira é un proxecto de investigación, compilación e divulgación das músicas de tradición oral. Nace na Mariña co obxectivo de implicar á sociedade na difusión e conservación do noso patrimonio inmaterial, así como a realización de obradoiros e actividades formativas, publicación de libros e documentais, e a organización de eventos e encontros arredor da tradición oral.