Os días 1 e 2 de xuño a Mancomunidade de Concellos organiza ao abeiro do Programa de Xeoturismo no contexto do Plan de Sostibilidade Turística o Xeo finde na Mariña, que contará cunha serie de actividades únicas onde os participantes explorarán a xeoloxía dunha maneira innovadora e emocionante.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explicou que “este evento ofrecerá a nenos e adultos a oportunidade de mergullarse no apaixonante mundo dos minerais e descubrir os segredos da terra baixo os nosos pés”. E animou ás familias a inscribirse “para vivir esta orixinal e única experiencia”.
O 1 de xuño terá lugar unha Xeoruta por San Cibrao. Iván Rodríguez levará aos asistentes a gozar dunha exploración da orixe do granito, un material que foi utilizado durante séculos na construción de vivendas e monumentos. Durante esta ruta de tres horas, os participantes visitarán canteiras históricas e aprenderán sobre a singular morfoloxía costeira da rexión. A actividade dará comezo ás 10:00 da mañá, no punto de encontro na Área de Autocaravanas. O aforo está limitado a 20 persoas.
Tamén o 1 de xuño pola tarde en colaboración co xeólogo Fran Canosa, levarase a cabo un emocionante taller de minerais para o público máis mozo. Durante este obradoiro interactivo dunha hora e media, os nenos e nenas terán a oportunidade de explorar unha ampla colección de minerais e aprender sobre as súas propiedades físicas. Desde a cor e o brillo ata a fluorescencia na escuridade baixo luz ultravioleta, os nenos/as poderán mergullarse nunha viaxe educativa e visualmente cativadora.
A actividade terá lugar de 18:00 a 19:30 horas, cun aforo limitado a 20 nenos/as no Auditorio da Casa da Cultura de San Cibrao (Cervo).
E xa o 2 de xuño desenvolverase a Xeoruta do Sor. A Mancomunidade e o xeólogo Fran Canosa propoñen unha apaixonante saída xeolóxica polo val do río Sor. Durante esta actividade de tres horas os participantes descubrirán o fascinante pasado volcánico da rexión, así como a orixe do coltán, un mineral crucial no mundo tecnolóxico.
A ruta terá lugar o domingo 2 de xuño, de 10:30 a 13:30 horas. O punto de encontro será Ponte Segade e o aforo está limitado tamén a 20 persoas.
Desde a Mancomunidade lembran que para este sábado, 25 de maio, está programada a Xeoruta do Cerrochán, na parroquia de Vilapena, para a que aínda quedan prazas. Iniciarase ás 10 horas e levará aos participantes ata o Alto de Cerrochán, en Trabada. A visita permitiralles coñecer e entender tanto aspectos xeolóxicos coma da paisaxe do lugar e desfrutar dunhas impresionantes vistas dende o cumio. A actividade estará guiada por Iván Rodríguez Lombardero.
As persoas interesadas en obter máis información ou para inscribirse en todas estas actividades poden facelo a través do apartado de Xeoturismo da web: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
O programa de Xeoturismo enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.