A falta de 20 días para a súa celebración xa hai máis de 270 inscritos para participar na VI Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explica que “este evento deportivo terá lugar o 17 de agosto. A categoría de cativos desenvolverase ás 20 horas no parque de San Francisco, os infantís e cadetes sairán ás 21:30 horas desde o faro, e a carreira absoluta partirá ás 21:45 horas desde Rinlo. Nestes momentos hai máis de 270 inscritos e agardamos incrementar esa cifra ao longo dos vindeiros días”.
O edil ribadense subliña que “esta carreira é de grande importancia tanto a nivel deportivo como turístico, xa que discorre grande parte polo litoral ribadense. Os participantes poderán gozar dunhas vistas envexables”.
A VI Carreira Nocturna está organizada polo Club Atletismo Ribadeo, coorganiza a Secretaría Xeral para o Deporte e colaboran o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo.
Na presentación da Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o director territorial de Deportes, Manuel Otero, o técnico municipal de Deportes, Iván López, así como representantes da organización e dos patrocinadores.