A Casa das Letras, de Ribadeo, acolleu o venres a numeroso público para asistir á presentación da publicación titulada As covas do rei Cintolo, editada por Lar e na que se recolle de forma facsimilar un libro de Daniel Cortezón, do ano 1956, e un cómic de Suso Peña.
No acto interviñeron o editor, Manuel López; o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa; o concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña; e a deputada provincial responsable da Área de Cultura, María Pilar García Porto. Tamén estiveron as viúvas dos ribadenses Daniel Cortezón e Suso Peña, Mati e Carmucha.
O responsable de Libros Lar, Manuel López, manifestou hoxe que “na presentación saíu todo estupendamente: asistiu moito público, as intervencións dos convidados estiveron de luxo, houbo moita emoción polo recordo a Daniel Cortezón e Suso Peña e incluso durante o coloquio Arturo Mogo cantou unha canción dedicada a Suso Peña, que foi musicada por Miro Casabella sobre un poema de Celia Castro”.
Manuel López comentou tamén que Daniel Cortezón e Suso Peña “eran mestres non só nos seus labores artísticos senón tamén na solidariedade e fidelidade a uns principios inquebrantables.”
A publicación xa está á venda, a un prezo de 10 euros, nas librerías ribadenses Casa das Letras e Vivín, en Bahía (Foz) e en Porta da Vila (Viveiro). Tamén se poderá mercar en Mondoñedo.
O Goberno da Deputación colabora coa promoción e difusión deste libro pola provincia, coa adquisición de 200 libros. Esta nova edición, inclúe un cómic doutro autor ribadense, Suso Peña, que leva o mesmo título.
García Porto destacou “con esta publicación faise xustiza coa obra destes dous autores ribadenses. Xa que, por un lado recuperamos unha das primeiras novelas publicadas en galego, que xa tivo éxito alá polo anos 50, e ademais descubrimos o cómic de Suso Peña, o primeiro debuxante de cómic profesional de Galicia. Unha peza que debuxou para unha revista que se chamaba Comix, da editorial Toutain”.
A Deputada explicou ademais que a estes dous autores mariñáns uníaos unha fonda amizade, e lembrou que xa colaboraran xuntos en varias publicacións, por iso esta publicación cobra máis sentido. “A Deputación colabora con esta edición, unha das primeiras novelas publicadas en galego, porque é imprescindible recoñecer e valorar as obras dos nosos autores; sexan escritores, pintores, artesáns, todos merecen o noso recoñecemento”, subliñou.
Daniel Cortezón premio Blanco Amor
Daniel Cortezón (Ribadeo, 1927-2009), cultivou a narrativa, o ensaio e o teatro, eido no que desenrolaría a maior parte do seu traballo literario. Entre as súas obras destaca “Os Irmandiños”, ou “Xelmirez ou a gloria de Compostela”, “De la saudade y sus formas”, “Dionisio Gamallo Fierros, Varón de Porcillán”, e no ano 1981 recibiu o Premio Blanco Amor coa obra “A vila asulagada”.
Suso Peña, o primeiro debuxante de cómic profesional de Galicia
Suso Peña (Ribadeo, 1941-2005), mestre autodidacta en case tódalas áreas que abrangue o mundo gráfico:debuxo, ilustración, deseño, fotografía, aínda que sería coñecido máis que nada polo seu traballo como debuxante- e tamén de guionista- de cómic no eido no que acadaría recoñecemento universal, e no que hai que resaltar “El Senado en España (1985)”, coa que se deu a coñecer esta institución.