Viveiro celebra as oitavas xornadas de historia e arqueoloxía marítima do 15 ao 17 de novembro

O Concello de Viveiro, coa colaboración da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS), organiza as VIII Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima, que se celebrarán os días 15, 16 e 17 de novembro.  Na presentación das xornadas participaron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; Jesús Fernández, concelleiro do Mar, e Antón López, delegado da FEDAS no noroeste de España.

María Loureiro destacou que se trata dunha cita consolidada a nivel nacional e internacional, perfecta para "dar a coñecer unha parte moi importante da nosa historia e patrimonio a través de grandes expertos".

A rexedora subliñou que "estas xornadas son o primeiro proxecto español de divulgación incluído no Catálogo de Boas Prácticas da Confederación Mundial de Actividades Subacuáticas, celebrada en Roma en 2023".

O concelleiro Jesús Fernández destacou que o programa integra actividades tanto "en clave local, como loxicamente en clave autonómica de Galicia, ou tamén en clave do Cantábrico, como poden ser este ano varias conferencias da parte de Asturias. O primeiro día teremos a presentación e a apertura dunha exposición que vai acompañar as xornadas e o sábado xa haberá charlas durante todo o día, un día maratoniano".

O sábado rematará "cunha charla sobre alimentación e cultura marítima cunha degustación de merluza do pincho de Celeiro", sinala o concelleiro. A VIII edición das xornadas concluirá o domingo 17 pola mañá con outras 3 palestras.

“Unha vez máis, todas as ponencias da programación son de primeiro nivel, consolidando un foro que xa é unha referencia a nivel internacional”, apuntou pola súa banda Antón López.