Este sábado, 11 de setembro, ás 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Alfoz terá lugar a representación de “Cartoóns”, de Excéntricas e Teatro de Adro, con Josito Porto e Víctor Mosqueira.
Esta actividade, incluída no programa “Ler conta moito”, da Xunta de Galicia, está dirixida a un público familiar e infantil a partir de catro anos.
“Cartoóns” é unha peza teatral de Producións Teatrais Excéntricas que ten como protagonistas a dous pallasos. Os clowns, que teñen algo de debuxo animado (cartoons) no seu modo paródico e eficaz de comportarse, viven rodeados de cartóns, nun mundo de cartóns, esa materia valiosa como é o cartón, que nós, inexplicablemente, tiramos ao lixo diariamente. Desta maneira, o cartón serviralles para construír tubaxes de gas, cortinas nas xanelas, revisteiros, bandexas, edredóns, motos, parasoles de praia, avións … En definitiva, todo o que o común da xente vai adquirir a unha coñecida multinacional sueca. Este espectáculo é un vehículo de valores como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia. A arte poética de converter o refugallo en bens de uso. Tamén incide nas tres famosas R do ecoloxismo: reducir, reutilizar e reciclar.