Valentín Insua Palacios será o pregoeiro das Quendas 2023, que se celebrarán en Mondoñedo do 28 de abril ao 1 de maio.

Xa está listo o programa das Quendas 2023, que terán lugar en Mondoñedo do 28 de abril ao 1 de maio. 

O pregón será o 28 de abril ás 21.00 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga. Correrá a cargo de D. Valentín Insua Palacios, Guía, Guarda, Sacristán e Campaneiro da S.I. Catedral Basílica de la Asunción de Mondoñedo e Ministro da VOT. E como remate terá lugar a actuación do Coro Mestre Pacheco da Escola Municipal de Música “O Pallarego” de Mondoñedo.

O 29 de abril celebrarase o I Encontro de Bandas de Escolas de Música da Mariña, no auditorio municipal a partir das oito da tarde. E pola noite na Alameda verbena coa orquestra Paréntesis e concerto, con entrada de balde, de Quinkillada. 

O 30 de abril a verbena estará amenizada polas orquestras Mar D’Arousa e Waykas. E o 1 de maio Xacarandaina ofrecerá un concerto ás cinco da tarde na Alameda, con entrada de balde. Pola noite a verbena contará coa nota musical da orquestra Solara. 

A programación das Quendas 2023 inclúe tamén a tradicional feira de gando; a exposición de razas autóctonas; a XXXVIII Festa da Empanada; o concurso morfolóxico de P.R.G. e concurso de andadura de cabalo marchador galego; mercado de produtos do campo galego; a IVXuntnaza de Vespas, Lambrettas e Clásicas; e degustación nos locais hostaleiros de empanada, porco celta e poldro. 

Haberá pasarrúas con Souto Xímaro e Carricantos e tamén obradoiros de amasado de pan.