Acisa Ribadeo ultima os detalles do sorteo de 5.000 euros en vales de compra na VIII Festa do Comercio que se celebrará este sábado, 12 de xaneiro, a partir das 20:30 horas no parque de San Francisco, na carpa na que estivo instalada a pista de xeo.
Todas as persoas que están a realizar as súas compras nos establecementos asociados a Acisa desde o pasado 1 de decembro e ata o vindeiro sábado entrarán no sorteo de importantes premios.
Desde a xerencia de Acisa, Jesús Pérez, lembrou que “a contía que destinamos aos premios son 5.000 euros en vales de compra para gastar no comercio local asociado nun prazo de dous meses. Nesta edición da Festa do Comercio queremos dar premios grandes e así establecemos un primeiro de 2.000 euros en vales de compra, un segundo de 1.000 euros, un terceiro de 500 euros e dous cuartos de 250 euros cada un. E teremos un premio non presencial, que é moi importante, xa que estará dotado con 1.000 euros en vales de compra. Deste xeito pretendemos atender as peticións dos nosos asociados e asociadas de premiar tamén ao cliente de fora da comarca, que pasa por aquí para facer as súas compras de Nadal”.
E subliñou que “os premios presenciais non van quedar desertos, van tocar si ou si. E como novidade este ano faremos o sorteo na carpa da pista xeo, que estará situada no Parque de San Francisco”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, da uns cantos consellos para participar no sorteo da VIII Festa do Comercio: “hai que coller a parte máis estreita das rifas, a matriz, que aparece perfectamente identificada, e metela na urna que haberá instalada na carpa entre as 16:00 e as 20:30 horas do vindeiro sábado. E despois asistir ao sorteo, claro está”.
Sobre o premio non presencial Francisco Iriarte e Jesús Pérez puntualizan que “no caso do premio non presencial o número elixido darase a coñecer o mesmo 12 de xaneiro. Será seleccionado, solo este premio, insistimos solo este premio, mediante un programa informático que escollerá de forma aleatoria un número entre os 200.000 que se están a repartir durante esta campaña. O gañador do premio non presencial terá ata o 18 de xaneiro para presentarse nas oficinas de ACISA Ribadeo para reclamalo. De non facelo perderá o dereito sobre o mesmo e considerarase deserto”.
Nesta xornada de martes reúnese o xurado do concurso de cartas e debuxo Queridos Reis Magos, convocado por Acisa, para decidir os gañadores ou gañadores “aos que llelo comunicaremos ao longo da semana, para que despois o sábado recollan os seus premios no transcurso da Festa do Comercio”.