Todo está listo en Burela para a celebración da Romaría do Monte Castelo, que organizan a Asociación Amigos do Monte Castelo e o Concello de Burela, coa colaboración de Absa, Ledicia e a Mancomunidade de Montes. A cita terá lugar do 21 ao 23 de xullo.
O presidente da Asociación de Amigos do Monte Castelo, Marcos Vázquez, agradece “o apoio do Concello de Burela, que está a axudar en todos os preparativos, ao igual que a asociación de montes e o resto de entidades. Temos xa todo perfilado para arrincar coa montaxe”.
O venres, 21 de xullo, haberá misa na Igrexa da Vila do Medio ás 20 horas e despois ás 21 horas chicharrada no Monte Castelo aberta aos romeiros e romeiras alí acampados e tamén ao resto da xente que se queira achegar. A continuación actuación do grupo Tapyoca e un dj. O sábado está prevista unha festa con dj´s locais desde as 11:30 horas e ata o peche da xornada. Haberá tamén sesión vermú coa Orquestra Arizona, pola tarde concurso de disfraces, xogos para as nenas e os nenos e verbena con Arizona e dj. E xa o domingo ás 13:00 horas misa con procesión na honra da nosa Señora das Marabillas e sesión vermú a cargo do Dúo Samba.
Vázquez explica que “tras deixar atrás a pandemia o que notamos na xente é que hai ganas de subir e de disfrutar do monte, das vistas que temos desde alí, da familia, dos amigos… o que facemos todos nunha romaría”.
Desde Amigos do Monte Castelo tiveron palabras de lembranza “para o precursor da festa, Martín Iglesias, que xa non está entre nos. El e o club de balonmán que había aló pola década dos 90 empezaron con esta festa e seguímola levando unha asociación de amigos, que queremos que isto se siga mantendo e que siga habendo respecto polo medio ambiente nun área recreativa que está moi ben”.
A alcaldesa, Carmela López, manifestou que “o Monte Castelo é unha área que potenciaremos durante o noso mandato e a romaría que organiza a Asociación de Amigos do Monte Castelo é unha cita das que persoalmente non me perdo porque considero que debemos promover e apoiar estas xuntanzas de veciños así como o contacto coa natureza”.
A concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, animou “a participar nesta tradicional cita do verán en Burela”.
No acto de presentación participaron varios membros da Asociación Amigos do Monte Castelo, das entidades colaboradoras, así como a concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, e a alcaldesa Carmela López.