O grupo Teatro de Ningures presenta a obra O OGrocho este domingo, 21 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Centro Sociocultural Xuvenil e da Terceira Idade Manuel Lourenzo do Valadouro.
A obra, dirixida ao público familiar, representa a historia dun pequeno ogro que vive só coa súa nai nunha casa no medio dun tupido bosque apartado da comunidade. O día que empeza a ir á escola e ve a outros nenos descobre a súa diferenza, non só no seu tamaño senón tamén no seu instinto, é o fillo dun ogro que a súa nai amou de forma apaixonada. O Ogrocho, cos seus seis anos, a súa forza extraordinaria e a súa terrible herdanza, intenta reconciliarse coa súa parte oculta, dominar os seus instintos nun intento de parecerse aos demais. Para elo ten que superar tres probas.
Baseado na obra de Suzanne Lebeau, baixo a dirección de Salvador del Río e con música de Anxo Graña, está protagonizada por María Salgueiro e Lois Soaxe.
Colaboran na organización deste evento: Concello de O Valadouro, FalaRedes-Programa de dinamización lingüística, Xacobeo 21-22 e Xunta de Galicia.