Tarabela Creativa chegará a Burela o 10 de marzo con "Tabú" con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.

O 10 Marzo ás 21:00 horas será representado na Casa da Cultura de Burela "Tabú", o novo espectáculo de Tarabela Creativa protagonizado por Carmen Conde con música ao vivo de Nastasia Zürcher. 

Unha peza que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos nas comarcas do Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. Un tendal para poñer ó clareo todas as intimidades. 

Trátase dunha actividade con entrada gratuíta organizada pola Delegación de Muller e Igualdade do Concello de Burela con motivo do Día Internacional da Muller.