A compañía Talía Teatro presenta o seu espectáculo titulado Pelos na lingua este domingo, 10 de outubro, ás 19:00 horas no centro sociocultural de San Cosme de Barreiros.
Esta comedia, para público a partir de 12 anos, é un divertido espectáculo que fala en clave positiva da situación crítica que está vivir a lingua galega. O director da obra é Avelino González e o elenco está formado por Toño Casais, María Ordóñez e Artur Trillo.
Talía Teatro explica que “Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo (e non esaxeramos), independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua. Unha comedia, que dalgún xeito, podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto”.