A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, xunto a Venerable Orde Terceira de San Francisco, dan a coñecer o programa da Semana Santa da localidade, que un “ano máis ofrece un programa completo, que comeza o venres coa nova procesión das Dores, que se celebra por segundo ano na cidade, e remata coa misa do Domingo de Pascua, presidida polo Bispo”.
A Semana Santa de Mondoñedo está organizada pola Fraternidade Local da Venerable Orde Terceira de San Francisco, fundada en Mondoñedo, o 24 de febreiro de 1734, coa que colaborano Concello, Protección Civil, entidades locais e os veciños e voluntarios.
A alcaldesa de Mondoñedo agradece un ano máis o compromiso dos veciños e voluntarios que se involucran “dun xeito moi especial” na organización da “nosa Semana Santa que reúne séculos de historia, tradición e recollemento nun marco incomparable, como é o casco histórico mindoniense, co seu principal emblema, a Catedral, declarada Patrimonio Mundial pola Unesco”.
Candia lembra que foi tanto “este traballo de todos como o valor da nosa Semana Santa”, o que permitiu no 2017 a súa distinción como “Festa de Interese Turístico Galego”.Para a alcaldesa, as administracións públicas“temos o deber de potenciar o noso patrimonio e dende o Concello seguimos centrados neste camiño, para seguir promocionando unha celebración de todos, que destaca pola súa beleza, o seu gran recollemento, a participación popular nas procesións, con imaxes de gran valor dos séculos XVII, XVIII e XIX;a súa austeridade e o alto valor cultural do entorno no que se celebra”.
Beleza e singularidade
A Semana Santa presenta unhas raíces históricas que chegan máis alá do século XVI. Hoxe conta cun programa de actos que foi en aumento. Por exemplo o ano pasado sumouse a celebración dunha nova procesión, a do venres de Dores.
Actos
O programa comezará o venres, 12 de abril, coa procesión de Nosa Señora dos Dores dende a Igrexa Nova. Será as 22:00 horas.
O sábado 13 de abril, será a lectura do pregón, ás 20:45 horas, na Casa da Xuventude e que pronunciará o Reverendo Padre Don José María López García. Actuará o coro Mestre Pacheco de Mondoñedo.
O domingo de Ramos, 14 de abril,ás 11:30 horas iniciarase a procesión na Igrexa de Santiago ata a Catedral, onde se celebrará a Misa da Paixón do Señor e a Bendición de Ramos.Preside o Sr. Bispo Don Luís Ángel de las Heras. Ás 19:00 horas na Capilla da Alcántara celebrarase o Viacrucis e ás 19:30 horas é a Procesión do Ecce Homo.
O mércores Santo, 17 de abril, é o Vía Crucis de Penitencia con saída da procesión ás 19.00 horas do Santuario de Nosa Señora dos Remedios, Capela de San Blas aos Picos.
O xoves Santo, 18 de abril, ás 17:00 horas, na Catedral será a celebración da Cena do Señor, presidida polo señor Bispo; ás 21:00 horas, é a Procesión do Prendimiento, dende os Muíños. Ás 23:00 horas, na Catedral, é o acto de Adoración Eucarística.
O venres Santo, 19 de abril, ás 10:30 horas, é a procesión do Santo Encontro, que se celebra na zona da Fonte Vella. Ás 12:00 horas, Via Crucis no claustro da Catedral. As 17:00 horas, misa da Celebración da Paixón do Señor e, ás 18.00 horas, procesión do Santo Enterro, que sae da Catedral; mentres que ás 21:00 horas, é a Procesión da Soedade, que tamén sae da Catedral e durante a cal se pode escoitar o Plorans do Mestre Pacheco, que soamente se pode executar en Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.
O sábado Santo, ás 23:00 horas, na Catedral a celebración litúrgica comprende bendición do fogonovo e procesión co Cirio Pascual , ademais do canto do Pregón Pascual, Bendición da Auga, e celebración da Eucaristía.
O domingo de Pascua, día 21 de abril, misa de Resurrección na Catedral ás 12 horas, que preside o Bispo.
Agradecementos
Dende a organización tamén quixeron poñer en valor que son moitas as persoas comprometidas con esta orde, “dende mozos e non tan mozos da banda de cornetas e tambores, aos levadores e levadoras que portan as imaxes, como as damas que locen as súas mantillas acompañando á virxe; ao igual que as monxas Concepcionistas que se entregan nos bordados e confección de traxes. A todos eles e a todas as persoas anónimas que continúan coa tradición de acompañar en procesión á imaxes, así como a entidades públicas e privadas que colaboran desinteresadamente para celebrar a Semana Santa, queremos trasladar o noso agradecemento”, aseguran.