Sargadelos, en Cervo, celebra as festas de Santiago os días 24 e 25 de xullo

A parroquia de Sargadelos, no concello de Cervo, celebrará as festas na honra a Santiago Apóstol os días 24 e o 25 de xullo, mércores e xoves.

A festa arrincará o mércores cunha espetada moura ás 20:00 horas, amenizada polo grupo Cordenaia, seguida dunha verbena co Dúo D'Caché e a Disco Móbil Conxuro.

O día grande, o xoves, ás 13:00 horas, terá lugar a misa solemne seguida de procesión acompañada polo grupo Fol do Raxal. A continuación haberá sesión vermú e baile de tarde da man do cuarteto de gaitas de Bágoas da Terra e de Disco Móbil Conxuro.

A festa está organizada pola Asociación Amigos da Troula e do Concello de Cervo, que anima “a desfrutar dos festexos nunha contorna excepcional como é o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos”.