Sara Fernández é a raíña do Entroido mindoniense. O desfile será o 9 de marzo e haberá 5.000 euros en premios.

O Concello dá a coñecer a raíña e as damas do Entroido mindoniense, que se celebrará o 9 de marzo. Achéganse fotos. A raíña é Sara Fernández Coldeira, e as dúas damas son Ainara Bello García (esquerda) e Yaiza Fernández Nogueira. O desfile celebrarase a partir das 17:30 horas. Sairá do Campo dos Paxariños, encabezado pola carroza da raíñas do Entroido, e percorrerá a Avenida San Lucas e as rúas Obispo Sarmiento, Andrés Baamonde e Progreso. Finalizará na Praza da Catedral. 

Durante o tradicional desfile de Entroido, organizado polo Concello e a Asociación de Comerciantes e Industriais de Mondoñedo (ACIAM) repartiranse 5.000 euros en premios; con seis galardoados na categoría de comparsas e charangas e once premiados na de grupos tanto de adultos como infantís; ademais haberá seis galardóns para as parellas de adultos e infantís e outros seis en individuais. 

Os interesados teñen de prazo ata o venres para anotarse tanto a través do correo electrónico entroidomindoniense@gmail.com como no portelo da Casa do Concello (primeiro andar). Pódese obter máis información a través do teléfono 619 879 499. As bases están na páxina web do Concello. 

Enlace: http://www.concellomondonedo.es/portal_localweb/p_101_contenedor1_ayto_m...

As bases do Entroido mindoniense establecen a posibilidade de participar en función da idade, nas categorías infantil ou adultos. Considérase infantil a integrada por participantes menores de 12 anos. Os adultos poderán anotarse nas seguintes categorías: comparsas e charangas; grupos de 3 a 10 membros; grupos de máis de dez membros; parellas e individuais. Os infantís participarán nas categorías de grupos (máis da metade dos seu compoñentes deben ser menores de doce anos), parellas ou individuais. 

A programación tamén inclúe a partir das 20:00 horas actuacións musicais na praza do Concello da man de formacións mindonienses como son a orquestra Principal e o Grupo Xuventude.