Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, acolle o 1 de setembro un xantar e unha visita guiada

Santo Estevo do Ermo, no concello de Barreiros, acollerá o día 1 de setembro, domingo, un xantar e unha visita guiada.

Os organizadores explican que “este acto suspendeuse hai un mes por mor do mal tempo que impedía a súa celebración; agora, retómase: A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo teñen o pracer de convocar a todas as persoas que fixeron unha achega económica para a compra da parcela de Santo Estevo, así como a todas aquelas que queiran unirse a esta celebración, a unha comida de confraternidade e a un paseo guiado pola fraga de Santo Estevo. Queremos celebrar con todos e todas vós este importante logro e amosarvos en persoa o espazo que, grazas a vosa xenerosidade, estamos a preservar e recuperar”.

Tamén anuncian o programa de actividades: “ás 14:30 horas, comida. Cada participante debe levar a súa propia comida. Será unha oportunidade para compartir e gozar dun ambiente de compañeirismo e celebración. E ás 17 horas aproximadamente, paseo pola fraga de Santo Estevo. Durante a visita poderase coñecer en detalle o espazo natural e arqueolóxico que estamos a preservar, incluíndo os restos da antiga igrexa e o xacemento medieval. Para facilitar a organización do evento, rogámosvos que confirmedes a vosa asistencia enviando un correo electrónico a fundacion@eiradaxoana.com antes do venres 27 de agosto”.