San Pedro de Mor, en Alfoz, celebra o día do Carme con actividades variadas os días 14 e 16 de xullo

A Asociación alfocense de veciños e veciñas de San Pedro de Mor organiza unha serie de eventos para celebrar o Carme o domingo 14 de xullo e o martes 16 de xullo.

O día 14 comezará cunha misa solemne para honrar a festividade. Máis tarde, os asistentes poderán gozar dunha agradable sesión vermú a cargo do dúo Epok. Ás 15 horas haberá unha comida campestre composta de paella, costela asada, postre, bebida e café servida polo catering Chao da Brea. O prezo é de 25 euros por persoa e 13 euros para nenos de 6 a 10 anos. Os menores de 6 anos comerán gratis. Pola tarde, haberá sesión co dúo Epok e actividades gratuítas para os máis pequenos. Como novidade, este ano a celebración contará cunha carpa para maior comodidade dos alí presentes.

O día 16 terán lugar dúas misas para celebrar o día do Carme ás 10 e ás 13 horas. Despois, o grupo de música tradicional A Rebolaxe amenizará a sesión vermú.

Para máis información e reservas, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co teléfono 657109592 antes do 8 de xullo.

A Asociación alfocense de veciños e veciñas de San Pedro de Mor invita a toda a comunidade a participar nestas festas.