A Concellaría de Igualdade fai un chamamento ás mulleres ribadenses e as empregadas públicas do Concello de Ribadeo a secundar a folga prevista para o vindeiro venres, 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres.
Desde o CIM e desde a Concellaría de Igualdade explican que “é unha folga que ten como finalidade reclamar un mundo diferente no que o noso dereito a vivir unha vida digna se coloque no centro da axenda política, económica, social, educativa.Queremos construír unha sociedade xusta, na que se garanta a igualdade de oportunidades e dereitos, na que as tarefas de coidados non recaian sempre nas mulleres, na que as mulleres teñamos voz. Unha sociedade que non nos asasine polo feito de ser mulleres. Por estes motivos nace a convocatoria a unha folga de mulleres a todos os niveis: folga de coidados, folga laboral, folga de consumo e folga estudantil”.
Folga de Consumo
Visibilizar ante a sociedade a necesidade de romper coa lóxica de consumo capitalista que reforza o sistema e por tanto a posición de desigualdade das mulleres no mesmo.
Folga de Coidados
Visibilizar ante a sociedade mais tamén no entorno familiar todo o traballo de coidados que as mulleres realizamos a diario sostendo a vida familiar e comunitaria.
Folga no ámbito Laboral
Unha folga laboral é a ferramenta para obter unha mellora nas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos. Consiste en negarse a realizar de xeito total ou parcial o traballo que temos encomendado.
Folga no ámbito Estudantil
Visibilizar no ensino as desigualdades que sufrimos as mulleres e como o sistema patriarcal atravesa a nosa educación para mantelas e colocar ás mulleres nun segundo plano.
Engaden desde a Concellaría de Igualdade que “o noso obxectivo principal é facer entender á sociedade que se as mulleres paran, para o mundo; que sen todas nós, a sociedade non avanza; que todas nós merecemos os mesmos dereitos que un home”.
E lembran que “o concello de Ribadeo ven traballando activamente na organización desta folga, asistindo ás xuntanzas organizativas, sufragando o autobús que saíu de Ribadeo para asistir á manifestación que tivo lugar en Lugo o pasado domingo, 3 de marzo, e por iso apoia os actos convocados para ese día que comezarán cun almorzo de soridade a partir das 10.00 horas no Teatro. Este será o punto de encontro a onde se poden dirixir todas as mulleres que fagan folga”.
Desde Igualdade seguen a relatar que “despois ás 12.00 horas sairá a manifestación da Praza 8 de Marzo e rematará diante do Concello onde se dará lectura ao manifesto final. A comida será no Teatro e ás 18.15 horas sairase do aparcamento de San Lázaro en caravana para participar na manifestación comarcal en Burela ás 20.00 horas. Ao longo do día haberá dous comandos, o Comando Informa que se dedicará a informar ás persoas dos motivos da folga e o Comando Crea que será un espazo creativo para elaborar materiais para a xornada. Tamén se proxectarán curtas de contido feminista durante todo ese día”.