O pavillón municipal de deportes de Ribadeo situado na rúa Alfredo Deaño acollerá o segundo concurso de puzles solidario o 17 de marzo, domingo, desde as 10:00 horas. O evento está organizado por socias de AEPUZZ (Asociación Española de Puzzles) e a Asociación Cultural Ronqueta co apoio do Concello de Ribadeo e colaboradores como O Ferrado Marelo, Doctor Panush e Bis a Bis.
A ribadense Patricia Pérez Leal, de AEPUZZ explica que “A Mariña Lucense estase a consolidar, pouco a pouco, como un punto de referencia das persoas afeccionadas ós puzles, con varios concursos novos que tiveron lugar ó longo do 2023 nas súas poboacións e que contaron con gran aceptación. Despois do éxito do concurso de puzzles celebrado o ano pasado en Ribadeo, convocamos de novo o 2º Concurso Solidario PuzzlEO RibadEO, en colaboración coa Asociación Guillem Veiga Iglesias. Todo o recadado durante o evento será destinado a esta entidade, con sede en Barreiros, dedicada a mellorar a calidade de vida da infancia (con ou sen discapacidade) e o benestar das súas familias”.
A organización engade que “unha novidade neste ano é o concurso para a modalidade infantil, con tres categorías divididas por rangos de idade. Poderán participar nenos e nenas entre 4 e 12 anos e terán que completar puzzles de 100, 200 ou 300 pezas, iguais dentro de cada categoría. Disporán dunha hora e media para facelo e os gañadores serán quen antes rematen de facer o seu respectivo puzzle. Volverá repetirse a modalidade de parellas na que todas as parellas participantes montarán simultaneamente un puzzle de 500 pezas, igual para todas, sendo a gañadora a parella máis rápida. Dispoñen dun tempo máximo de dúas horas. As prazas están limitadas a 60 participantes na categoría infantil (20 participantes por categoría) e de 60 parellas na modalidade de parellas”.
As inscricións deben realizarse a través da páxina web de AEPUZZ (www.aepuzz.es) e xa está aberto o prazo dende o pasado luns, 19 de febreiro de 2024. O custo da inscrición é de 10 euros na modalidade infantil e 18 euros na de parellas, aplicándose un desconto de 3 euros por persoa para socios e socias de AEPUZZ.
Haberá premios para os tres mellores resultados de cada categoría e para a mellor parella local.
Toda a información sobre as bases do concurso pode consultarse na mesma páxina web de AEPUZZ: https://aepuzz.es/ii-concurso-solidario-puzzleo-ribadeo. E no correo electrónico puzzleoribadeo@gmail.com resolverase calquera dúbida ao respecto.