A cuarta edición das Xornadas da Terra de Miranda, actividade que organiza o colectivo Nova Escola Galega coa colaboración da Deputación de Lugo, celebrarase na Casa da Cultura da Pontenova os días 30 e 31 de outubro de 2020.
A organización explica que as xornadas “nesta ocasión estarán centradas na atención sanitaria no rural nestes tempos, na sobreexplotación do solo e na perspectiva das familias do rural ante as circunstancias educativas tan especiais que vivimos. Haberá tamén relatorios sobre o patrimonio específico da Terra de Miranda. A convocatoria dos Encontros por cuarto ano consecutivo constitúe, globalmente, unha proposta para a análise da situación do medio rural galego na actualidade. Esta análise realízase, por unha parte, desde a óptica especialmente educativa, pero tendo en conta que o que sucede no ámbito da educación non é nada máis que o reflexo dunha realidade global moito máis complexa. Por outra, exemplifícase esta análise nunha comarca ben definida -aínda que non recoñecida administrativamente- que ten sufrido nas últimas décadas unha transformación evidente e que, ao tempo dun progresivo e evidente despoboamento, foi quen de ir vendo nacer no seu seo iniciativas que provocan que non sexa utópico enxergar no horizonte un futuro posible. Esa comarca é a Terra de Miranda”.
Os obxectivos desta actividade son “analizar e explicar, situándoa no seu contexto, a realidade educativa no medio rural galego, en xeral, e na Terra de Miranda en particular; identificar, a carón desa realidade educativa analizada, as características -naturais, económicas, sociais, asociativas...- que determinan o estado actual da comarca; situar estes elementos analizados e identificados, no contexto de Galicia e na procura da concepción dunha estratexia global de desenvolvemento do medio rural; e, particularmente, poñer en común experiencias educativas que contribúan á planificación dunha estratexia educativa galega concibida desde e para o medio rural”.