A Pomba do Arco organiza unha charla sobre as formacións xeolóxicas da Mariña. Será o 13 de xuño no Cenima, de Foz.

A asociación cultual A Pomba do Arco organiza o mércores, 13 de xuño, ás 20:30 horas no salón de actos do Cenima, unha palestra sobre as formacións xeolóxicas da Mariña que correrá a cargo do xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní.

O conferenciante é un dos grandes coñecedores dos estudos xeolóxicos en Galicia e con diversos traballos sobre a realidade xeolóxica da comarca da Mariña. Destacan, entre os seus traballos recentes, as súas investigacións sobre  a formación da Praia das Catedrais, e é autor de diversos estudos encargados pola Xunta de Galicia para analizar a situación do conxunto natural.

Xoán Ramòn Vidal Romaní, profesor emérito de xeoloxía na Universidade da Coruña e membro numerario da Real Academia Galega das Ciencias, fará un repaso pola historia xeolóxica da Mariña, significando aquelas formacións xeolóxicas máis características desta zona, como no caso de Foz, as turbeiras da praia de Arealonga en Nois, considerado o xacemento paleoclimático máis importante no conxunto do Estado español, converténdose ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos.