A parroquia focense de Vilaronte acollerá un acto solidario o día 4 de xaneiro, venres, e a 56ª edición da Cabalgata de Reis ao día seguinte. Son actividades organizadas pola asociación cultural O Castro, de Vilaronte, coa colaboración do Concello de Foz.
No acto solidario do venres 4 de xaneiro ás 21:00 horas no local da asociación cultural O Castro actuarán o grupo musical Mar Aberto e a compañía teatral Axóuxeres. O recadado destinarase a apoiar as sesións de movemento ABM-París que realiza a nena Lua Auel Rougier Pedreira.
E ao día seguinte, o sábado 5, celebrarase a Cabalgata de Reis de Vilaronte, que cumpre á súa 56ª edición. Os Magos de Oriente chegarán ao local da asociación cultural O Castro ás oito e media da tarde.