A parroquia de Rúa celebrará a súa tradicional Festa da Candelaria o venres 31 de xaneiro, e o 1 e 2 de febreiro.
A cita foi presentada polo edil de Turismo, David Rodríguez, a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, e polos membros da comisión de festas, Alexis e Antonio Villarquide.
Deste xeito, dende o Concello convidan a todo o mundo a asistir a esta festa na honra á Virxe da Candelaria que se prolongará durante esa fin de semana cun programa repleto de actos que debullamos a continuación:
O venres, 31 de xaneiro, haberá verbena coas orquestras Los Satélites e Trébol.
O sábado, día 1, ás 13:00 horas, celebrarase unha misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida de procesión. A continuación, haberá sesión vermú con La Favorita, que repetirá pola noite na verbena, acompañada pola orquestra Finisterre, desde as 22:00 horas.
O domingo, ás 13:00 horas, celebrarase unha nova misa solemne seguida de procesión, á que seguirá o Grupo Fénix, para amenizar a sesión vermú, que tamén protagonizará a verbena nocturna.
Tanto Rodríguez como Caramés recordan que desde o Concello “estamos sempre a disposición da veciñanza e daquelas asociacións que precisan da colaboración desta Administración, como neste caso coa Candelaria, porque cremos que as festas patronais son historia viva do noso pobo e consideramos fundamental manter ese espírito, que sobrevive ano tras ano grazas ao laborioso traballo que fan dende as distintas comisións de festas, de xeito altruísta; un esforzo que se ten que ver recompensado cunha gran resposta por parte da veciñanza de Cervo e da contorna, que de seguro que participarán nesta Festa”.
O campo estará cuberto cunha gran carpa para poder desfrutar do evento, aínda que as condicións meterolóxicas non acompañen.