Varias pancartas colocadas en puntos estratéxicos de Ribadeo anuncian a boda de Elisa e Marcela, a representación que A Panadaría porá en escena o domingo, 7 de outubro, ás 20:00 horas no auditorio Hernán Naval. Ademais o luns, día 8, ás 11:30 horas, o grupo actuará para o colexio Sagrado Corazón, o IES Dionisio Gamallo, o CIFP Porta da Auga e o centro de día. Representantes do ensino e dos usuarios do centro asistiron este mediodía, no parque de San Francisco, á presentación desta obra teatral que correu a cargo do concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil ribadense dixo que “para nós é un pracer falar con toda a veciñanza e convidalos a asistir a un casamento que vai haber no auditorio Hernán Naval, porque casan Elisa e Marcela. Convídannos a todos e a todas os que andemos por Ribadeo ese domingo a participar nesa representación teatral, neste casamento que fixo historia porque non hai que esquecer que está baseado nun feito real, aínda que desde a perspectiva xa do século XXI da defensa dos dereitos para todas as orientacións sexuais a ter unha vida plena tanto no aspecto emocional como tamén no legal, que é importante”.
Graña engadiu que “A Panadaría Teatro unha vez máis ven a Ribadeo e é un pracer contar coa súa presenza, e ademais nesta ocasión tamén quixemos aproveitar para facer extensivo non só ao público habitual do teatro ribadense o domingo pola noite, nesta ocasión vai ser ás oito da tarde. Pero a maiores o luns haberá centros educativos, ademais do centro de día A Concordia, que tamén van asistir á representación ás once e media ao auditorio Hernán Naval, participan o colexio Sagrado Corazón, o IES Dionisio Gamallo e o CIFP Porta da Auga. Trátase de que colaboremos cos centros educativos divulgando a educación en valores e aproveitando a ocasión dunha representación tan ben levada a cabo por A Panadaría Teatro, que nos ten moi acostumados ao seu bo facer teatral”.