Paco Nogueiras presenta a súa nova obra Extra o sábado, 13 de marzo, en Burela. A representación terá lugar na Casa da Cultura ás 18:30 horas e o prezo da entrada é de 2´5 euros.
O espectáculo presenta doce cancións e os temas dispóñense como nun xornal con distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais, internacionais, sucesos, información social, cultural, divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. O autor coida as letras e as melodías que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, invitando á participación do público. O disco-libro está ilustrado por Marc Taeger que ademais conta co apoio dos vídeoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo.
Este traballo destaca pola súa versatilidade e o seu carácter lúdico salientando como a prensa é un valioso recurso na escola e no fogar para animar á escrita, á plástica creativa, para desenvolver habilidades lectoras, a curiosidade e a imaxinación, dinamizar a socialización, o traballo en equipo e os coñecementos tecnolóxicos.
Colaboran na organización deste evento: Delegación de Cultura do Concello de Burela, Xunta de Galicia, AGADIC, Rede Galega de Teatros e Auditorios e Xacobeo 2021.