Por cuarto ano consecutivo Ribadeo conta cunha pista de xeo XL da que se pode desfrutar durante este Nadal. Está aberta no parque de San Francisco desde o pasado 21 de decembro e ata o próximo 7 de xaneiro e este ano incorpora, como novidade, sesións nocturnas con djs que teñen lugar os venres e os sábados de 22 a 00:00 horas. Desde o Concello subliñan que “con esta acción o que se pretende é dinamizar máis a pista de xeo XL ao ampliar horarios e introducir a música, así como fomentar o consumo no comercio e na hostalería local”.
E lembran que “a pista de xeo XL de Ribadeo, duns 300m2, é a única que se atopa aberta na provincia de Lugo, e das poucas que contan con sesións nocturnas amenizadas con música”.
A pista de xeo, organizada polo Concello de Ribadeo e na que tamén colabora Acisa, ten un prezo de 6 euros. As persoas que fagan compras no comercio asociado a Acisa por un valor superior a 20 euros, ou que consuman na hostalería local, obterán un desconto do 50%, xa que Acisa repartiu 10.000 tíckets cun desconto directo de 3 euros sobre a entrada base.
Ademais da novidade das sesións nocturnas con música os venres e os sábados de dez a doce da noite, “este ano e debido a gran demanda, a pista de xeo XL ampliou o seu horario e abre de 11 a 14 horas polas mañás e de 16 a 22 horas polas tardes. O luns, 31 de decembro, pechará ás 20 horas”, engaden desde o Concello.