Os actos incluídos na programación da Semana Santa de San Martiño, que será pregoada polo bispo de Mondoñedo-Ferrol o 8 de abril, desenvolveranse ata o día 16 dese mes. A programación foi presentada na Casa da Cultura Poeta Manuel María, de Foz, por membros da directiva da Confraría do Desencravo, presidida por Silvia Blach Cuesta, que ademais é concelleira de Cultura e irmá maior desa confraría. No acto participou tamén o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.
Silvia Blach explicou: “a Confraría do Desencravo de San Martiño de Mondoñedo xunto co alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixemos a presentación da programación da Semana Santa deste ano e á súa vez a Semana da Música Xosé Alonso, que xa vai na súa décimo cuarta edición e coa que colabora o Concello de Foz na súa realización xunto coa Confraría do Desencravo. Na programación da Semana Santa deste ano destacamos ao noso pregoeiro, que é o bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Luis Ángel de las Heras Berzal. Salientamos tamén, por suposto, os actos en xeral e temos o Mércores de Tebras, que vai ser por segundo ano consecutivo na igrexa de San Xoán de Vilaronte a partir das nove da noite. Tamén os actos do Xoves Santo, a partir das seis da tarde coa Misa da Cea do Señor co acto do lavatorio. E o Venres Santo pola mañá teremos o Vía Crucis e pola tarde a procesión polo vello barrio do Caritel, arredor da basílica”.
En cando á Semana da Música, Blach destacou “as actuacións de varios grupos xa coñecidos na Semana Santa de San Martiño, como pode ser a Coral Polifónica de Foz o día do pregón, o 8 de abril, ás oito e media da tarde. O día 9 de abril, o Domingo de Ramos, imos ter ao coro Consonante. O mércores de Tebras, o 12 de abril, haberá un concerto coa participación de Felipe Sánchez e África Rodríguez abrindo o acto de Tebras. O día 14 de abril, Venres Santo, teremos ao coro parroquial de Foz e a compoñentes da Escola Municipal de Música de Foz acompañando á procesión. O 15 de abril, Sábado Santo, haberá un concerto de Hotel Venecia, e o día 16 de abril, Domingo de Pascua, teremos ao grupo A.C. Brigantia, co que será clausurada a XIV Semana da Música Xosé Alonso”.
O alcalde salientou “a alta participación de veciños nestes actos que rodean á antiga catedral da sede mindoniense e que son parte da tradición da Semana Santa ademais dun grande atractivo turístico para o noso pobo. Devoción e música golpean ano tras ano os muros da catedral conservada máis antiga do sur de Europa, que o sábado 8 de abril contará coa presenza do bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Don Luís Ángel de las Heras Berzal, que lerá o pregón co que comezan os actos desta semana de paixón”.