A libraría Bahía, de Foz, acollerá este sábado, 5 de agosto, a partir das 11:00 horas, a presentación de “Un máis”, o novo álbum ilustrado de Olalla González e Marc Taeger, publicado por KALANDRAKA e dirixido a primeiros lectores.
Trátase dunha historia protagonizada por unha familia de coellos que vai medrar coa chegada dun bebé. O relato céntrase na curiosidade do personaxe principal, un pequeno coello, polo tempo que tardará en nacer o seu irmán ou irmá; unha dúbida que lle traslada de xeito insistente non só á súa nai, senón tamén a outros habitantes do bosque. Mentres, o coelliño imaxina os xogos que poderán compartir xuntos.