O Concello de Cervo e o CD San Ciprián, xunto a un grupo de veciños afeccionados ao pádel, organizan o V Torneo de Pádel Cervo que terá lugar nas pistas municipais do complexo deportivo da Veiga do 1 ao 6 de outubro, ambos incluídos.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 29 de setembro no teléfono 639.05. 40.15 (Fran) ou a través da plataforma Mis Torneos Online.
Os xogadores poderán competir nas categorías masculina, iniciación masculina, feminina e mixta, ata un máximo de 16 parellas por categoría. O prezo establecido para inscribirse será de 20 euros nunha categoría e de 28 euros en dúas categorías. O premio será material deportivo para os mellores clasificados, e haberá cadro de consolación tamén en todas as categorías.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández, achegáronse ata o complexo deportivo, para presentar o evento xunto a varios dos organizadores do torneo, e animou “a todos os afeccionados a este deporte a que participen na competición e desfruten das nosas instalacións deportivas, recentemente melloradas, que dá gusto ver cheas de vida, como punto de encontro dos afeccionados a este deporte que está a gañar unha gran popularidade nos últimos anos”.