O Teatro das Cortes, no Vicedo, celebra a I Xornada Teatro Terra este sábado, 22 de xuño

O Teatro das Cortes, que está no lugar de Xestoso, da parroquia de Cabanas (O Vicedo), celebra a primeira Xornada Teatro Terra este sábado, 22 de xuño. Está organizada pola asociación cultural Volta e Dálle.

As actividades empezarán ás 17:30 horas cunha mesa redonda sobre o teatro, a música e outras manifestacións artísticas como ferramentas dinamizadoras. Estará coordinada polo fotógrafo Eduardo de Martís e participarán Alfonso Blanco Torrado, fundador da asociación cultural Xermolos, de Gutiriz; Marisa Freire Blanco , coordinadora e actriz do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros; Afonso García Pena, coordinador teatral da asociación Son D Aldea, de Palas de Rei; Ricardo Bellas Murias, coordinador de actividades da asociación O Nordés; e Antón Vázquez Turnes, coordinador e actor asociación Papaventos, de Vedra.

E ás 20:30 horas haberá o espectáculo teatral “Xacovedra”, da compañía Andaravía. É unha comedia musical sobre o Camiño de Santiago e os anos xacobeos.

O evento será presentado por Pepa Yáñez e a entrada é de balde.